A Fundación Xosé Neira Vilas xunto con GÁLIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil) e co patrocinio de Deleite, convocan o Premio Arume de Poesía para a Infancia co obxectivo de recoñecer a calidade literaria de textos poéticos creados para nenos e nenas e fomentar a lectura de poesía entre este lectorado.
O prazo de admisión de orixinais remata o 3 de novembro de 2022, Día de Neira Vilas e Día do Lector e a Lectora. A entrega do premio terá lugar o 17 de decembro de 2022, Día da Edición.
A Fundación Xosé Neira Vilas, GÁLIX, suman esforzos para manter vivo o certame literario, xa que contan co patrocinio de Deleite, unha empresa galega recoñecida polo seu compromiso coa calidade do seu produto, mais tamén coa identidade do mesmo, coa lingua e coa cultura, coa nosa literatura, co noso cinema, co noso teatro, coa nosa música e con todas e cada unha das actividades e proxectos nos que a combinación sexa cultura / lingua galega – infancia / xuventude.
Na primeira edición do premio Arume resultaron gañadores os poemarios Parapluie, de Ramón D. Veiga, e A flor da letra, de Manuel López Rodríguez. O primeiro dos traballos galardoados destaca por tratarse dunha obra divertida e provocadora, que procura a complicidade da rapazada lectora cunha linguaxe áxil e de calidade. Canto a A flor da letra, establecen un singular diálogo con poetas relevantes da literatura galega. O ritmo introdúcenos nunha proposta unitaria, con ricos e variados recursos que nos conducen á oralidade e participación coral.