A Fundación Xosé Neira Vilas acolle o vindeiro domingo 29 de outubro ás 17 horas un encontro con Paula Carballeira, autora dunha salientable produción literaria que destaca polas súas achegas no eido teatral, pero que tamén ten
practicado a narrativa e a poesía.
O seu traballo no mundo da creación abrangue, ademais, o labor desenvolvido na interpretación teatral, a dirección escénica ou a narrativa oral. Entre os galardóns acadados, destaca o Premio Manuel María de Literatura Dramántica Infantil, que logrou en tres ocasións: con Boas noites en 2007, con O refugallo en 2013 e con Somos os monstros en 2019. No ámbito da narrativa, entre as últimas obras publicadas cómpre destacar Pan con chocolate. A merendad e Gianni (2021) e Trece avisos. Contos para ler pola noite (2022)
Pola súa parte, Miguel Vázquez Freire, filósofo e escritor de literatura infantil e xuvenil, representa unha figura fundamental na divulgación da filosofía en Galicia, ademais de contar cunha ampla traxectoria como escritor de ficción no campo da narrativa. Entre o último da súa produción, cómpre destacar O moucho voa (2022), obra que debe enmarcarse dentro da didáctica da filosofía, da que é un acreditado especialista.