Benvido á Web da Fundación Xosé Neira Vilas   Click to listen highlighted text! Benvido á Web da Fundación Xosé Neira Vilas Powered By GSpeech

¡Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Se non cambia a configuración do seu navegador, vostede acepta o seu uso. Saber máis

Acepto

GRES

A parroquia de Gres, onde naceu Xosé Neira Vilas o 3 de novembro de 1928 e onde faleceu o 27 de novembro de 2015, localízase no concello de Vila de Cruces, provincia de Pontevedra, e no ámbito da comarca natural galega do Val do Ulla.

En 2019 conta con case 150 habitantes distribuídos en catro núcleos de poboación, de acordo co nomenclátor oficial: A Capela, Cirela, Gres e As Penedas. Mais para os habitantes da parroquia os lugares habitados son A Capela, Castro Mouzo –tamén se ve escrito Castromouzo–, Cirela de Arriba, Cirela de Abaixo, Gres –que comunmente é denominada A Aldea–, As Penedas e O Agriño.

O nome da parroquia de Gres, de acordo co profesor Gonzalo Navaza, pode ser de orixe prerromana. Xa se mencionaba en documentación galega en 1116, como Grez, e serviulle de apelido a unha poderosa familia baixomedieval, os Sánchez de Gres, que dalgún xeito foron precursores da influínte fidalguía local de tempos máis próximos.

No XVII soan os López de Neyra, como encargados da torre de Cira e señores da casa e torre de Gres, que na seguinte centuria serían titulares do pazo de Brandeso (Arzúa), tantas veces citado por Ramón María del Valle-Inclán, e que foi berce literario do seu Marqués de Bradomín; e no XVIII, construíron aquí o seu pazo os Herce, incorporándose os seus descendentes á nobreza, e un deles recibirá o título de marqués de Algara de Gres. A aguia dos Herce preside o seu casarón de Gres, unha sobria construción. A capela familiar, de frontis neoclásico, ten un titular nada frecuente, San Xosé. Noutrora celebraban a súa festa os señores da casa, que tamén dispoñían de capela propia na igrexa parroquial.

A croa do Castro Mouzo, o monte máis alto da parroquia, é coma unha atalaia do val. Un val amplo, suave, de coidados labradíos e viñedos, no que asentan a igrexa parroquial –que ten de patrón a Santiago–, a capela do Carme á beira da Ponte Ledesma, as casonas da Torre e de Vista de Leis, e o pazo do marquesado da Algara de gres, da familia Calderón.

Por estas terras de antigos señoríos teñen andado os Churruchaos, os Suárez de Deza, os Sánchez de Gres (entre os que houbo comendadores de Ocaña, pertegueiros de Santiago, bispos e adiantados maiores de Galicia). Gres foi unha importante encrucillada: no seu contorno tiñan vida os mosteiros de Camanzo, Piloño, Brandariz, Carboeiro, Ledesma, Ansemil, San Xoán da Cova... E tamén o castelo de Cira, do século XII, onde chegou a estar prisioneiro o arcebispo Xelmírez por orde da raíña dona Urraca.

Este recanto, agarimado polos ríos Ulla e Deza e cinguido por un horizonte de vizosos piñeiros, polo que pasaba o camiño real de Santiago a Lugo, está ateigado de historia.

No ano 2009 saíu un libro impreso sobre Gres, titulado Santiago de Gres e arredores, de Henrique Neira Pereira, para o que forneceron gran parte da información Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda e que editou a Fundación.

 

A IGREXA DE SANTIAGO DE GRES E OS MOSTEIROS

A referencia máis antiga que coñecemos desta igrexa é do 19 de agosto de 1116, data dun documento do mosteiro de San Salvador de Camanzo.

Esta igrexa primeira, segundo contan a veciñanza de Gres, estaba a uns cen metros da actual, e moi próxima á beira do Ulla, nunha zona que se inundaba cando había grandes enchentes. Ata non hai moito podíanse ver naquel lugar algunhas pedras dos cimentos do templo primitivo.

As cheas do Ulla foron seguramente unha das razóns de que fora trasladada para o lugar onde se agora se atopa, algo máis lonxe do curso do río, mais tamén influíu o feito de que a construción estivese en mal estado a mediados do século XVIII, e así o constata en 1748 Santiago Fernández, visitador do Arcebispado compostelán, quen indica que se debe refacer unha gran parte da construción.

Nese momento aproveitaríase para facer o traslado, sendo concluída a igrexa parroquial actual en 1757.

Non lonxe de Gres, na Idade Media existiron os mosteiros de Camanzo, Piloño e Brandariz (Vila de Cruces), Ansemil e Carboeiro (Silleda), Donas e Ledesma (Boqueixón), e San Xoán da Cova (Vedra), entre outros, constituíndo o que o historiador Armando Vázquez Crespo denominou a Ribeira Sagrada do Ulla, en semellanza á Ribeira Sacra de Lugo e Ourense.

En Camanzo, parroquia lindeira con Gres, aínda poden verse hoxe importantes vestixios románicos do antigo mosteiro de San Salvador.

 

O RÍO ULLA

A comarca natural á que pertence Gres, o Val do Ulla, recibe o nome do río Ulla, un dos máis longos e caudalosos de Galicia. Segundo os estudos xeográficos, a súa conca fluvial é a máis extensa da Comunidade galega despois da do río Miño, pois abrangue máis de 2.700 quilómetros cadrados. O río e os seus afluentes máis importantes recollen a chuvia que cae nos concellos da Estrada, Agolada, Ames, Antas de Ulla, Arzúa, Boqueixón, Catoira, Dodro, Dozón, Forcarei, Lalín, Melide, Monterroso, Palas de Rei, Padrón, Rianxo, Rodeiro, Santiago de Compostela, Santiso, Silleda, Teo, Toques, Touro, Valga, Vedra e Vila de Cruces.

No Ulla, estando en temporada, pódense pescar salmóns, troitas e escalos, pero nada en relación co que se lograba hai unhas décadas, cando aínda se vían saltar frecuentemente nos coutos de Ximonde ou do Xirimbao espléndidos salmóns e troitas, riqueza piscícola que deixou pegada nas cántigas populares:

Polo río abaixo vai / unha troita de pé, / corre que te corre, / quen a podera coller. / Quen a podera coller, / quen a podera pescar, / polo río abaixo vai / unha troita de pé. (Popular)

No Val do Ulla, o río que lle dá o nome á comarca recibe como afluentes, entre outros, o río Pontillón, o rego de Valpedre e o río Deza. Na serra do Pico nace outro afluente do Ulla, o regueiro de San Cristovo.

Tamén podemos falar algo de termalismo, pois existen dúas fontes termais, con augas de penetrante e desagradable olor que nos indica a súa gran riqueza en compostos de xofre. As devanditas burgas están situadas nas aldeas de Caldelas (o topónimo xa nos indica a presencia de augas termais) en Vedra e Donas en Boqueixón, e antano estaban moi concorridas, pois ademais dos efectos curativos derivados da súa inxestión súmanse as súas virtudes para o tratamento de enfermidades cutáneas e cauterización de feridas.

Se queres que o carro cante , / bótalle o eixo no río / e despois de ben mollado, / canta como eu asubío . (Popular)

 

PONTE LEDESMA

A Ponte Ledesma medieval cruza o río Ulla unindo as parroquias de Ledesma en Boqueixón (A Coruña) e de Gres en Vila de Cruces (Pontevedra). A ela uniuse unha máis moderna en 1985, pola que cruza a estrada que vai de Boqueixón a Vila de Cruces.

Da Ponte Ledesma medieval hai interesantes referencias históricas. A primeira noticia da existencia da ponte figura no testamento de Gonzalo Rodríguez de Bendaña, datado no 22 de febreiro do 1276, e figura sempre nos mapas de Galicia desde o século XVI.

As características formais permiten datar a construción actual no século XVI, aínda que o paso sobre o río neste lugar puido facerse xa en época romana mediante unha ponte de pedra ou madeira que se cadra podía aproveitar o apoio intermedio das insuas de Gres.

Tivo moita importancia na Idade Moderna na comunicación Santiago-Ourense, sobre todo para o traslado de viños a Compostela, onde estaba o maior centro consumidor e de comercio. Ata o século XIX cobrábase portádego por pasar pola ponte e aínda se conserva unha pedra vencellada a ese cobro á beira da capela do Carme.

Durante a Guerra da independencia tivo lugar na ponte unha forte resistencia ante as tropas francesas, na que tomaron parte veciños das comarcas próximas. En represalia ante o bloqueo da ponte, as tropas francesas provocaron danos na igrexa de Gres e noutras dos arredores, causando ademais ducias de vítimas civís.

A Ponte Ledesma ten nove arcos de pedra con dovelas regulares. O ancho das pías vai de 3,45 a 3,60 metros.

O seu contorno, de gran beleza, está formado polas marxes do río Ulla, incluídas as insuas de Gres, as carballeiras e as construcións populares das dúas bandas do río, tanto en Gres como en Ledesma, así como boas terras de labranza, viñedos e os castros de Castro Mouzo e Pena Anduriña. Un anaco fermoso do Val do Ulla, no curso medio do río.

 

CAMIÑO DE SANTIAGO

Ponte Ledesma debeu ser lugar de paso alternativo á Ponte Ulla no camiño de Santiago a Ourense. Pasada Ponte Ledesma, saen dous camiños reais que se dirixen nun primeiro tramo paralelo ó Ulla, de maneira que un debía enlazar co camiño real a Ourense, e o outro a Vila de Cruces. De feito, cando a ponte medieval se deteriorou, foi a cidade de Ourense a que estivo máis interesada na reparación da ponte no século XVI, e diso atopamos un acordo datado en 1574.

A tradición oral indica que a Casa do Romano, onde naceu Xosé Neira Vilas e que hoxe é parte da sede da Fundación, funcionou ocasionalmente como albergue de peregrinos.

 

AS INSUAS DE GRES

Gres é unha parroquia fluvial, pois nela conflúen os ríos Ulla e Deza. No Ulla hai un grupo de insuas con carballeiras, unidas por pontellas e pasais, que conforman unha singular área recreativa e lugar da romaría que se celebra cada 31 de agosto na honra de San Ramón, na capela que a Virxe do Carme preside na ribeira, xusto á beira da Ponte.

Contan que a imaxe mariana que aquí se venera a trouxeron un día as augas do río Ulla, o mesmo que o San Ramón de Portodemouros; neste caso, baixaba a bordo dunha barca sen barqueiro, e cando a viu un paisano, foina seguindo de preto, e din que dixo: "Aí onde pare, fareille unha capela". E cumpriu a súa promesa.

 

FESTAS E CULTURA

As festas principais de Gres son a patronal de Santiago, o día 25 de xullo; a do Carme, o segundo domingo de agosto, e o San Ramón, o 31 de agosto.

As insuas acollen en xullo o Festival de Bandas Insuas de Gres, que acolle bandas de música de Galicia e de fóra e que organiza a Unión Musical Ponteledesma.

En xuño ou xullo, no campo da festa de Ledesma, á beira da Ponte, iníciase a actividade deportiva do Descenso do río Ulla en piraguas, que percorre o tramo medio do río Ulla.

En agosto, no mesmo campo da festa celébrase o festival musical A Noite Velada, no que actúan grupos galegos.

Preto de Gres atópase a Casa-Museo Fundación A Solaina de Piloño (Vila de Cruces), que puxera en marcha o artista Paco Lareo, e que acolle con asiduidade actividades culturais, contando ademais cunha importante colección de obras artísticas.

Click to listen highlighted text! Powered By GSpeech