Benvido á Web da Fundación Xosé Neira Vilas   Click to listen highlighted text! Benvido á Web da Fundación Xosé Neira Vilas Powered By GSpeech

¡Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Se non cambia a configuración do seu navegador, vostede acepta o seu uso. Saber máis

Acepto

Xosé Neira Vilas naceu na Casa do Romano, en Gres (Vila de Cruces, Pontevedra), actual sede da Fundación que leva o nome do escritor, o 3 de novembro de 1928. Era fillo de Manuela Vilas Artega, protagonista do volume Nai (Akal, 1980), feixe de lembranzas recadadas cunha emotiva prosa lírica. Os seus avós maternos foron Santiago Vilas, clarinetista na banda de Cira, de onde procede a súa afección pola música, e Maripepa Arteaga, quen logo inspiraría sentidos poemas de Neira Vilas, que tamén chegarán a ser musicados. O seu pai, Xosé Neira, era orixinario da veciña parroquia de Oural (Boqueixón, A Coruña). O recordo das aprendizaxes e experiencias a carón deste labrego e carpinteiro “de trencha fina”, como o ten definido o seu fillo, atópanse no libro Co pai (Galaxia, 2019).

    Sendo o primeiro de sete irmáns, Neira Vilas viviu a nenez, adolescencia e primeira mocidade nos anos trinta e corenta do século pasado nesta aldea do interior de Galicia. Os traballos no campo, as romarías e o antroido, os xogos e a escola da época van figurar en moitos dos relatos do futuro escritor, empezando por Memorias dun neno labrego (Follas Novas, 1961), como tamén a guerra civil (sobre todo en Aqueles anos do Moncho), o andazo do wolfram e, por suposto, a emigración, outra experiencia vital que tanta presenza vai ter na súa narrativa, así como no labor xornalístico, ensaístico e de investigación. Despois de terse adicado a todo canto ten que ver cos trafegos do agro, de ter feito de carteiro e de traballar como contable no aserradoiro da aldea, decide ser un emigrante máis entre tantos daquel tempo e irse para Arxentina. Quería seguir estudando, buscar novos horizontes profesionais e un futuro vital que aquí non era quen de acadar. Mais o futuro de escritor parecía aberto tralas composicións que tiña argallado para os xenerais do antroido ullán con letras en galego e con música de corridos mexicanos. O volume De Gres a Cádiz (Galaxia, 2017) constitúe o roteiro ideal para seguir os primeiros anos do autor de Gres.

    Chega a Bos Aires en 1949. Alí, volta a empezar: Acollido de primeiras por uns parentes, coñece a gran cidade da diáspora galega, un mundo urbán totalmente novo para el, alén da cidade de referencia que tivera denantes, a Compostela das festas do Apóstolo, por exemplo. Traballa nunha empresa de tecidos, nunha panadería (o mesmo a carón do forno de madrugada que despachando doces polas tardes), como vendedor a comisión de madeiras e, finalmente, noutra empresa do ramo pero xa en tarefas de oficina. No entanto, as visitas á biblioteca do Centro Galego ían nutrindo aquela vocación primeira pola lectura e, xa de moi novo, pola escrita. O coñecemento doutros que, coma el, viñeron a descubrir a historia e a cultura galegas na capital arxentina, levouno a formar parte do grupo fundacional das Mocedades Galeguistas, ocupado en actividades de reafirmación da identidade cultural galega, para o que se empregaba o xornal Adiante, unha de tantas cabeceiras nas que Neira Vilas comeza a publicar artigos, poemas ou narracións.

     De aquí en diante, o camiño literario está trazado. Asiste ás clases de literatura, historia ou economía galegas que imparten persoeiros como Eduardo Blanco Amor, Rafael Dieste ou Ramón de Valenzuela, dentro da actividade formativa da Asociación Galega de Universitarios, Escritores e Artistas (AGEA). É tamén sabido que coñece a Anisia Miranda nunha conferencia de Suárez Picallo sobre Rosalía de Castro en 1954. En 1956 participa activamente, no comité organizador e tamén como relator, no Primeiro Congreso da Emigración Galega. Continúa, xunto con Anisia, a súa formación coa carreira de Xornalismo e a asistencia a un Seminario Permanente de Escritores.

      Anisia Miranda e Xosé Neira casan en 1957, o mesmo ano no que crean a entidade Follas Novas, editorial e distribuídora do libro galego en toda América. Con este selo vai saír, en 1961, a primeira edición de Memorias dun neno labrego. En xuño dese ano comeza a nova etapa na vida de Neira Vilas, ao trasladarse a Cuba. Deixan en Bos Aires unha rica rede de amizades, que seguirán nutrindo a través de correspondencia e proxectos partillados, como Luis Seoane, Isaac Díaz Pardo, Arturo Cuadrado, Laxeiro ou Antón Alonso Ríos, entre tantos outros. A experiencia da etapa arxentina pode seguirse polo miúdo no libro de Nora Longhini Neira Vilas. Os anos de Arxentina 1949 - 1961 (Galaxia, 2016).

   Movidos por un afán cívico, Xosé Neira e Anisa Miranda chegaron á Cuba da Revolución co sincero desexo de participar nunha sociedade nova que estaba a construírse. Alí, podendo ter traballo en xornais, na radio ou no eido editorial, preferiu seguir o consello de Blanco Amor: “Nunca profesionalices a túa vocación”. Pasou, daquela, a empregarse no Ministerio de Industria, dirixido naquela altura polo Che Gevara, concretamente como xefe de departamento de Intercambio na Empresa Nacional da Industria Automotriz. Ocupou logo un posto na Dirección de Relacións Internacionais do mesmo Ministerio, mais, tras rexeitar varias propostas de ascensos, seguía decidido a encamiñar unha carreira no eido das letras, sempre en galego, á par que se iniciaba tamén no da investigación da emigración galega en América. Isto último foi canalizado a través da Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística. Os anos adicados a esta tarefa irían dando lugar a títulos como Castelao en Cuba, A prensa galega de Cuba ou as sucesivas entregas de Memorias da emigración ou Crónicas galegas de América. En 1983, un novo cambio de rumbo lévao á xefatura de redacción da revista para a infancia Zunzún, onde coincide con Anisia na elaboración de textos divulgativos, de relatos e poemas. Días de Cuba (Galaxia, 2014) recolle experiencias, amizades, traballos e recordos dunha etapa que remata en 1992, ano do retorno ao eido orixinal e xa coa intención de crear un centro cultural en Gres.

   Entre esta etapa e a anterior cómpre situar os Vinte anos retornando, tal é o título da crónica das viaxes comezadas en 1972, de onde sairía o libro Lar (Akal, 1973), recollido logo en Lar, Nai, Pan (Galaxia, 2014). Son viaxes para encontrarse ou reencontrarse coa familia e cos amigos. E sobre todo para volver á Galicia imaxinada na emigración, a que aparece en tantas obras de ficción, en relatos e novelas (en moitos casos especificamente para nenos e nenas). Unha vez creada a Fundación Xosé Neira Vilas, naquela Casa do Romano das súas orixes, Neira Vilas continuou unha intensa actividade literaria da que deu cumprida conta en achegas como Penúltimo dietario (Xerais, 2011). Mención especial merecen, nese incansable traballo pola cultura e a lingua galegas, as visitas a centros de ensino de todo o país. A véspera do seu pasamento, que tivo lugar o 27 de novembro de 2015, aínda transmitiu unha última ensinanza a un grupo de alumnos de primaria: “Nunca deixedes de ler poesía”.

Click to listen highlighted text! Powered By GSpeech