Na biografía de Anisia Miranda hai dous momentos que marcan decisivamente o seu percurso vital. O primeiro, cando aos nove anos lle preguntou a seus pais se non tiñan pensando mandala á escola (“¿Es que me van a dejar bruta?”, foron as palabras exactas). O segundo acontece cando lee o artigo “El idioma prohibido”, de Francisco Luis Bernárdez, e decide que tiña que aprender ese idioma, que non era outro que o galego. Entremedias, outro punto de xiro fundamental foi coñecer a Xosé Neira Vilas, e logo casar con el, nunha conferencia sobre Rosalía de Castro a cargo de Suárez Picallo. Os tres feitos teñen lugar, respectivamente, en Cuba, o referido á escola, e en Arxentina, o que ten ver coa descuberta do galego e co encontro co seu compañeiro, Pepe Neira Vilas. Destes dous últimos emerxe o que vai ser o seu terceiro destino vital, Galicia.
Anisia Miranda naceu na cidade cubana de Ciego de Ávila o 30 de decembro de 1932. Era filla de emigrantes ourensáns: do concello de Verea o seu pai, Faustino Miranda, e de Celanova, a súa nai, Teresa Fernández. Cando Anisia nos deixa, en novembro de 2009, en Gres, péchase un círculo que traza un percorrido exemplar de idas e voltas que marcan a diáspora en Galicia nos últimos cen anos.
A súa nenez transcorre no contexto hostil e conflitivo da ditadura de Gerardo Machado. De aí que a familia decida retirarse a vivir ao campo, onde a nena só dispuña da compañía dos animais e onde os seus pais se dedicaban a cultivar a terra. Foi entón cando, sabendo que alí non ía ter escola, a familia decide instalarse en La Habana, onde volven a rexentar unha tenda de comestibles. Alí si puido Anisia desenvolver a súa formación, dende os estudos primarios ata o Maxisterio e o Xornalismo, continuando isto último xa en Bos Aires, cidade na que o pai tiña irmáns e sobriños e na que se instalan en 1953.
Inscrita no Instituto Grafotécnico, inicia os seus traballos literarios e xornalísticos. Acode, tamén, ás actividades dos círculos galeguistas e da emigración galega, os mesmos cos que xa estaba a colaborar Neira Vilas. Dende as Mocedades Galeguistas aos cursos da Asociación Galega de Universitarios, Escritores e Artistas, tendo aquí a Blanco Amor como mestre de lingua galega. A colaboración co futuro (e case inmediato) autor de Memorias dun neno labrego inicíase aquí. Xuntos asisten ao Seminario Pemanente para Escritores, como tamén participan da organización do Primeiro Congreso da Emigración Galega, do que Anisia reunirá un arquivo documental que moitos anos despois será dixitalizado polo Consello da Cultura Galega. E así mesmo, xuntos fundan a editora e distribuídora Follas Novas, coa que colabora na organización de exposicións de libros e prensa galega na Arxentina. Con todo, non esquecera Cuba. O contacto con exiliados cubanos da loita contra Batista e o feito de ter coñecido ao poeta Nicolás Guillén alimentaron nela o desexo de volver.
En xullo de 1961 xa están en La Habana Anisia Miranda e Xosé Neira, xunto co pai dela. Deseguida se vinculou a tarefas xornalísticas e literarias, á beira do reputado novelista Alejo Carpentier. Con el traballou na revista Pueblo y Cultura. E cando o autor de El siglo de las luces pasou a dirixir a Editorial Nacional, ela fíxose cargo da Editora Juvenil. Foi neste tempo cando escribiu Mitos y leyendas de la antigua Grecia, un fermoso e documentado texto divulgativo sobre a mitoloxía grega pensado para un público infantil e xuvenil. Despois sería redactora xefa do semanario Pionero, dirixiu un espazo radial feminino, foi asesora de literatura infantil na Casa das Américas e formou parte da Comisión Histórico-Cultural do Comité Nacional de Solidariedade con Vietnam, país ao que viaxou en 1976. En 1980 crea a revista Zunzún, de novo pensando en lecturas para a nenez e a mocidade, e en 1985 Bijirita, para un público máis novo aínda.
O ciclo vital de Anisia Miranda vai rematar en Gres, a aldea á beira do río Ulla onde nacera o seu compañeiro. Antes tiña viaxado en varias ocasións, sendo a primeira en 1972, unha inicial toma de contacto coa terra dos seus pais e coa paisaxe e os lugares dos que tanto tiña oído falar dende que frecuentaba os círculos galeguistas bonaerenses. Dende que se instala en Galicia, fai varias visitas a La Habana. A última en 2008, co gallo da Feira Internacional do Libro que estaba dedicado a Galicia. Outra viaxe de reencontros foi a que fixo a Bos Aires en 1998, onde participou en moi diversos actos de homenaxe e de celebración do Día das Letras Galegas.
Os anos galegos son anos de posta en marcha dun centro cultural e unha biblioteca pública “como non hai outro no rural galego”, a dicir de personalidades e xestores culturais que pasaron por alí. Na biblioteca catalogou libros e atendeu usuarios, participou activamente na organización dos premios Arume de poesía e Estornela de teatro. Son, tamén, anos de visitas a centros de ensino de todo o país para atoparse coa infancia lectora, que foi a súa máis devecida tarefa.