Benvido á Web da Fundación Xosé Neira Vilas   Click to listen highlighted text! Benvido á Web da Fundación Xosé Neira Vilas Powered By GSpeech

¡Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Se non cambia a configuración do seu navegador, vostede acepta o seu uso. Saber máis

Acepto

A sede da Fundación Xosé Neira Vilas radica na casa onde naceu o escritor. Unha modesta vivenda campesiña que se acha no núcleo orixinal da parroquia de Gres. Neira Vilas herdouna de seus pais e decidiron, el e a súa muller, Anisia Miranda, doala á Xunta de Galicia coa condición de que fose restaurada e se instalase nela unha biblioteca pública. O arquitecto César Portela foi o designado para levar a cabo dita restauración.

a casa do romano

Vista da Casa do Romano e vivenda anexa, ca igrexa enfrente

Esta casa é de finais do século XVII ou comezos do XVIII e coñécese como "Casa do Romano" porque nela viviu durante uns quince anos, a finais do século XIX e comezos do XX, un italiano, de Roma, probablemente anarquista, que fuxira do seu país. Cando voltou para Italia vendeulle esta casa a Rosa Brea, de Candañedo, na parroquia de Camanzo, que á súa vez venderíalla a Santiago Vilas e Maripepa Arteaga, avós maternos de Xosé Neira Vilas, en 1925. Foi a primeira vivenda que tiveron de seu pois ata entón foan caseiros dos señores da Torre. Trasladáronse a ela con Manuela, a súa única filla, de vinte anos. Manuela casou en 1927 con Xosé Neira Silva (de Rebordaos, Oural, Boqueixón). Alí naceu, o 3 de novembro de 1928, Xosé Neira Vilas. Sucesivamente nacerían tamén entre esas paredes, seus irmáns María, Xesús e Mercedes. En 1935 a familia foi vivir a unha nova casa (que se puido erquer grazas a unha pequena herdanza que recibiu Maripepa Arteaga, dun irmán que lle morrera en Bos Aires).

A Casa do Romano foi cedida ó longo dos anos a diversas persoas sen recursos, sen outra vivenda, que a ocuparon temporalmente. Cando Neira e Anisia a doaron estaba baldeira e en estado ruinoso. Para Neira, dende América, foi sempre unha referencia entrañable esa casiña porque o trasladaba ós anos da primeira infancia.

A "Casa do Romano" foi albergue de peregrinos durante os séculos XVIII e XIX. Peregrinos do Camiño de Santiago, é dicir, do chamado Camiño Portugués, ou Camiño da Prata, ou Camiño real, que comezaba en Huelva, chegaba a Ourense e seguía a Compostela. Cando os peregrinos arribaban a Chapa (entre Silleda e Bandeira) pernoctaban nun hospedal que alí había. Ó día seguinte, uns seguían por Ponte Ulla e outros (poida que os máis) apartaban ata o mosteiro de Carboeiro. Dende alí baixaban a Gres por Merza, Camanzo, etc. Durmían unha noite nesta casa. Na maña asistían á misa na igrexa que está a uns cen metros e que por esa circunstancia foi posta baixo a advocación de Santiago Apóstolo (a parroquia chámase Santiago de Gres). Despois cruzaban o río pola Ponte Ledesma e seguían a Compostela por Sergude, Rodiño, O Rubio, Monte do Gozo.

Entrada á Casa do Romano, agora Museo e Biblioteca

Este Camiño, que comezaba no sur da Hispania, nalgún porto de Cádiz ou de Huelva, seguía, abeirando Portugal; en Verín collíano os que viñan de Chaves, ata Ourense, de alí a Santiago. É o Camiño máis antigo de todos. É unha vía romana, moi anterior á lenda de Santiago, que séculos despois foi utilizada nas peregrinacións (referencias: Manuel Reimóndez, Xosé Espiño, Mariano Sinde e Armando Vázquez).

 

 

Click to listen highlighted text! Powered By GSpeech