Dende a Casa do Romano, en Gres, a Fundación Xosé Neira Vilas quere trasladar á Real Academia Galega o cordial sentimento de gratitude pola decisión de homenaxear ao autor de Memorias dun neno labrego no Día das Letras Galegas 2027.
Mentres agardamos que chegue 2027, seguimos a celebrar o ano de Begoña Caamaño, unha escritora nova que, ao igual que Neira tamén fixo todo o posible pola lingua e a cultura do país, dende a literatura, o xornalismo e a reivindicación social.
Asumimos con agrado aquilo que para a nosa entidade acada unha nova dimensión: o compromiso e a responsabilidade. O compromiso no uso e defensa da lingua galega, que o autor de Gres mantivo durante toda a súa vida, que sempre practicou e que xa figura na dedicatoria daquel libro primeiro de 1961. A responsabilidade de traballar na salvagarda e a difusión do legado literario de Neira Vilas, e tamén de Anisia Miranda, a súa compañeira de vida, pero, sobre todo, a escritora e pedagoga que xenerosamente se uniu á causa da cultura galega e que, como cubana e castelanfalante, adoptou o galego na súa propia creación literaria.
Máis alá da gran repercusión que tivo Memorias dun neno labrego, que tanto ten impactado no público lector, que soubo dar voz aos pobres e aos humildes, a súa obra abrangue un voluminoso corpus bibliográfico que inclúe o conto e a novela, a poesía, o ensaio e a investigacion, o xornalismo e a literatura memorialística.
A Galicia rural da posguerra, a indagadora ollada infantil sobre o mundo rural desta época, a poliédrica realidade da emigración a América, o alento social na denuncia da inxustiza e da opresión que impregna toda a súa obra: velaquí o seu mundo literario, un convite ilusionante que se pode resumir así: hai que seguir lendo a Neira Vilas.
Neira Vilas e a Real Academia Galega
Cómpre destacar tamén que Neira Vilas formou parte da institución que agora lle dedica o Día das Letras. Ingresou o 17 de novembro de 2001. Ocupou a cadeira de Xoaquín Lorenzo, que logo pasaría a Marilar Aleixandre. Consideramos tamén relevante salientar que o noso autor investigou as orixes da RAG en Cuba. Alí indagou na creación da Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega, iniciativa promovida polo emigrante ferrolán na Habana Xosé Fontenla Leal, quen convenceu a Curros Enríquez para que fose o seu primeiro presidente. O 20 de abril de 1970, esta entidade queda oficialmente extinguida cando o seu último secretario e asociado, Antonio do Campo, entregou a Neira a chave do local, que estaba no Centro Galego, e díxolle que dispuxese do que alí se gardaba. Este fondo documental e bibliográfico foi depositado finalmente na Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística, da Academia de Ciencias de Cuba. Así o explicou no libro Manuel Murguía e os galegos da Habana (Ediciós do Castro, 2000). Precisamente, de Murguía, e tamén de Euxenio Carré Aldao, son as 135 cartas que enviaron á citada Asociación Iniciadora e Protectora e que Neira entregou na RAG no ano 2000 ao seu presidente naquela altura, Francisco Fernández del Riego. Un motivo máis para seguir proclamando que hai que ler a Neira Vilas.