A Fundación Xosé Neira Vilas convoca a cuarta edición do Premio Anisia Miranda de Teatro para a Infancia co apoio da Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia. A imaxe gráfica do premio é unha creación do ilustrador e artista, recentemente falecido, Xosé Vizoso, quen tivo como mestre a Isaac Díaz Pardo, foi deseñador de Sargadelos e formou parte da padroado da Fundación Xosé Neira Vilas. Os orixinais, escritos en lingua galega, terán un máximo de 30.000 caracteres e deben enviarse ao enderezo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo., seguindo as indicacións contidas nas bases para asegurar o anonimato das propostas. O prazo para o envío remata o 15 de abril e o acto de entrega terá lugar o 18 de maio, de tal xeito que a fundación que leva o nome do autor de Gres se une así á celebración da semana das Letras Galegas.
O galardón está dotado con 1.000 euros e a súa publicación estará a cargo da Edicións Embora, ao igual que outro dos certames que promove a fundación: o Arume de poesía, neste caso en colaboración con GÁLIX e a empresa Deleite.
Con esta iniciativa búscase atender a unha certa carencia que se viña observando no sistema literario galego no tocante a certames que impulsaran a creación de textos dramáticos para os nenos e nenas. Así se logrou cos premios das tres edicións anteriores: Travesía unicornio, de María Canosa; Medo me dá!, de Ramón Domínguez Veiga e O dedo e os monstros, de Francisco Antonio Vidal Blanco.
Pódense descargar as bases dende AQUÍ (pdf)