A escritora Ledicia Costas estará na Fundación Xosé Neira Vilas o vindeiro 30 de xuño ás 18.00 h., nunha visita enmarcada nos Encontros Literarios en Gres, para compartir co público asistente a súa experiencia na escrita para o público
infantil e adulto, os seus métodos de traballo ou a pegada da obra de Neira Vilas na súa produción literaria.
Ledicia Costas é unha das autoras en lingua galega que máis éxito está acadando entre a crítica e o público lector nos últimos anos, como quedou demostrado, por exemplo, con títulos como Infamia (2019). Autora ou coautora de máis de 45 libros de literatura infantil e xuvenil, poesía e narrativa para persoas adultas.
Gañadora de 24 premios literarios, entre eles hai que salientar o Premio Nacional de Literatura infantil e xuvenil de España en 2015, pola obra Escarlatina, a cociñeira defunta e os tres Premio Lazarillo que recibiu polas novelas Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, A balada dos unicornios e A lebre mecánica. O seu galardón máis recente é o Premio de Poesía Afundación, por Ultraluz, que lle foi concedido en 2022.