A poeta e editora Antía Otero protagoniza o domingo 25 de setembro, ás 17.00 h., o Encontro Literario dedicado, desta volta, á poesía, que acolle a Casa do Romano, sede da Fundación, en Gres.
Autora de obras como O branco non pinta, (Retro)visor ou O cuarto das abellas, Antía Otero pertence a unha nova xeración de galegas que veñen destacando na creación poética dos últimos anos. Haberá ocasión de falarmos do proceso creativo, da súa faceta no eido da videopoesía e mesmo da súa amizade con Neira Vilas e Anisia Miranda.
O encontro, conducido por Rosalía Morlán, secretaria da Fundación Xosé Neira Vilas, pón agora o foco no mundo da poesía, despois de terse ocupado, en ocasións anteriores, da narrativa, da man de autores e autoras como Miguel Anxo Fernández, Antía Yáñez, Rosa Aneiros ou Lois Alcayde.