A FUNDACIÓN XOSÉ NEIRA VILAS RECIBE A ROSA ANEIROS
No marco dos Encontros Literarios en Gres, o vindeiro domingo 24 de novembro ás 17:00 h., a Fundación Xosé Neira Vilas, situada en Gres (Vila de Cruces, Pontevedra) recibirá a Rosa Aneiros. Trátase da segunda sesión deste programa que comezou co coloquio mantido con Lois Alcayde e que coincidiu coa lembranza adicada a Anisia Miranda, de quen se cumpriron dez anos do seu pasamento.
Destavolta, a autora de títulos como Resistencia ou Xelís, o guieiro das botellas de mar, que acaba de oter o premio Merlín de Literatura Infantil, falará da pegada da obra de Neira Vilas na súa experiencia na lectura e na escrita. Departirá cos asistentes encol do seu taller de escritura, da súa concepción da literatura para a nenez e para os adultos ou dos temas que adoita tratar nas súas obras e da súa relación coa realidade social do noso tempo. O coloquio estará moderado por Mariluz Barreriro, profesora de lingua e literatura galega e veciña da aldea de Gres.
Fundación Xosé Neira Vilas Click to listen highlighted text! Fundación Xosé Neira Vilas Powered By GSpeech