Coa lectura do xa célebre “Eu son Balbino, un rapaz da aldea…” arrincou o pasado 3 de novembro a homenaxe anual que amigos, admiradores, lectores e lectoras adican á figura de Neira Vilas co gallo do aniversario do seu nacemento. A sede da fundación acolleu nesta ocasión a lectura pública e continuada de Memorias dun neno labrego, coa que deixar constancia da frescura e a vixencia dun clásico das nosas letras.
O acto central desta xornada correspondeu á entrega do Premio de Novela Curta Xosé Neira Vilas, que se convoca en colaboración co concello de Vila de Cruces. Na súa cuarta edición, recaeu no escritor de Ribeira Antonio Piñeiro pola novela Esca, do que o xurado destacou a fouteza dun relato que, avanzando en espiral, vai creando unha atmosfera de tensión narrativa ata chegar a un final explosivo e iluminador. A riqueza léxica, a creación dun escenario histórico crible dan conta dun artefacto literiario que, á vez que supón un desafío para o lector, preséntase como un texto aberto a interpretacións diversas. Antonio Piñeiro acada este galardón cando xa ten tras de si unha sólida traxectoria literaria. No seu haber atópanse xa premios como o Torrente Ballester ou o García Barros. E na súa produción creativa figuran títulos como A identidade fascinada, As fiandeiras ou A través do fume.
A edición da obra premiada estará a cargo de Embora, que xa se ocupou de achegar ao público lector as outras tres novelas premiadas neste certame: Diario de Brian, o chinés, de David Daniel Vázquez Álvarez; O home de negro, de An Alfaya; e Detrás dos perdidos, Pedro Rielo.
Noutra orde de cousas, e como vén sendo habitual na actividade cultural da Fundación Neira Vilas, tamén a música tivo o seu espazo. A actuación do grupo de clarinetes Hadhietxekos, de Lalín, intepretou varias pezas inspiradas na obra de Neira Vilas. Igualmente, a actuación de Manoele de Felisa interpretou pezas cuxa letra é obra do autor homenaxeado, Xosé Neira Vilas.