Pasados xa dez anos do seu pasamento, a figura esencial de Anisia Miranda, foi recordada no cemiterio, onde repousa ao lado do seu compañeiro, Neira Vilas, por amigos, admiradores e familiares nun sencillo e emotivo acto adicado á súa memoria. Á ofrenda floral, a cargo da Fundación Xosé Neira Vilas, seguiu unha lectura pública dalgúns dos seus textos.
De seguido, xa na sede da Fundación, tivo lugar o primeiro dos “Encontros Literarios en Gres”, que contou coa presenza do escritor Lois Alcayde Dans, quen acaba de publicar o volume de contos Os jeans de María, editado por Galaxia. Anos atrás, fora xa o gañador da primeira edición do certame Balbino organizado por Edicións Fervenza coa colaboración da Fundación Xosé Neira Vilas, polo libro Camiños na sombra. Coa participación do escritor coruñés, nado en 1997, a fundación procura proxectar o seu labor cara o futuro, dende o traballo a prol da difusión do legado do lembrado autor de Gres cara o recoñecemento de novos valores literarios que veñen a tomar o testemuño na andaina común da literatura galega.
Próximas citas no mes de novembro
O citado programa, “Encontros Literarios en Gres”, comeza coa vontade de converterse nunha cita cultural de realización periódica e regular, coa intención de trazar esa liña que conecte a obra de Neira Vilas cos traballos de creadores actuais. Deste xeito, para o segundo dos encontros, a aldea de Gres, en Vila de Cruces, contará coa presenza de Rosa Aneiros, recentemente galardoada co premio Merlín de Literatura Infantil, o domingo 24 de novembro. #EncontrosLiterariosGres