Encontro con Alonso Montero ao redor dos epistolarios de Neira Vilas
- Detalles
O vindeiro sábado 28 de xaneiro ás 17:00 horas acollemos na sede da Fundación Xosé Neira Vilas un encontro co profesor Xesús Alonso Montero.
A charla, na que tamén intervirán o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, xirará ao redor da correspondencia que o autor de Gres mantivo con persoeiros da cultura galega tales como Francisco Fernández del Riego, Manuel María, Ramón Piñeiro, Celso Emilio Ferreiro ou Isaac Díaz Pardo, entre outros. A parte musical do evento estará a cargo de Manoele de Felisa.
OS VERSOS DA MARIOLA, DE ANTÓN CORTIZAS, PREMIO ARUME DE POESÍA PARA A INFANCIA
- Detalles
O auditorio Neira Vilas da Cidade de Cultura foi o escenario esta tarde dun dobre acto literario organizado pola Fundación que leva o nome do autor de Memorias dun neno labrego: a entrega do premio Arume a Antón Cortizas polo poemario Os versos da Mariola. O autor galardoado non puido acudir á entrega por motivos de saúde e recolleu o premio no seu nome Miguel Toval, de Edicións Embora, que publicará o texto premiado. Por outro lado, tivo lugar a presentación dos libros premiados na edición de 2021: Violeta Parapluie, de Ramón D. Veiga, e A flor da letra, de Manuel López Rodríguez, gañadores da edición anterior.
O premio Arume, o único en Galicia dirixido especificamente á infancia, é unha iniciativa conxunta da Fundación Xosé Neira Vilas, a empresa Deleite (do grupo Leite Noso), unha empresa galega recoñecida polo seu compromiso con todas e cada unha das actividades e proxectos vencellados á cultura e a lingua galega, e GÁLIX, sección galega da OEPLI (Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil) e representación do ámbito lingüístico galego no IBBY (International Board on Books for Young People).
Cristais rotos, de Álvaro Domínguez, Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta
- Detalles
O xurado da sétima edición do Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta decidiu por unanimidade, conceder o galardón á obra Cristais rotos, de Álvaro Domínguez. O xurado, composto por Juan Andrés Fernández, Rosalía Morlán e Armanda Requeixo, argumentou a súa decisión na forza narrativa dun relato que mergulla ao lector nas vivencias duns personaxes que beirean a traxedia, que profundan nas luces e sombras dunhas vidas golpeadas polo destino. Asimesmo, salientou a habelencia na orquestración estrutural da obra, na que conflúen tramas alternas e complementarias, escritas cunha prosa brillantemente perfilada de diálogos áxiles e cheos de verosimilitude.