- Detalles
O vindeiro luns, 17 de outubro ás 17.00 h., conmemoramos un ano máis o Día das escritoras, en colaboración coa Biblioteca Nacional. "Trece anos lembrando a Anisia" será o lema baixo o que homenaxearemos a figura e obra de Anisia Miranda. O cemiterio parroquial de Gres acollerá unha ofrenda floral e a lectura de textos, algúns inéditos, da autora cubana.
- Detalles
A poeta e editora Antía Otero protagoniza o domingo 25 de setembro, ás 17.00 h., o Encontro Literario dedicado, desta volta, á poesía, que acolle a Casa do Romano, sede da Fundación, en Gres.
Autora de obras como O branco non pinta, (Retro)visor ou O cuarto das abellas, Antía Otero pertence a unha nova xeración de galegas que veñen destacando na creación poética dos últimos anos. Haberá ocasión de falarmos do proceso creativo, da súa faceta no eido da videopoesía e mesmo da súa amizade con Neira Vilas e Anisia Miranda.
- Detalles
A Fundación Xosé Neira Vilas xunto con GÁLIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil) e co patrocinio de Deleite, convocan o Premio Arume de Poesía para a Infancia co obxectivo de recoñecer a calidade literaria de textos poéticos creados para nenos e nenas e fomentar a lectura de poesía entre este lectorado.
O prazo de admisión de orixinais remata o 3 de novembro de 2022, Día de Neira Vilas e Día do Lector e a Lectora. A entrega do premio terá lugar o 17 de decembro de 2022, Día da Edición.
A Fundación Xosé Neira Vilas, GÁLIX, suman esforzos para manter vivo o certame literario, xa que contan co patrocinio de Deleite, unha empresa galega recoñecida polo seu compromiso coa calidade do seu produto, mais tamén coa identidade do mesmo, coa lingua e coa cultura, coa nosa literatura, co noso cinema, co noso teatro, coa nosa música e con todas e cada unha das actividades e proxectos nos que a combinación sexa cultura / lingua galega – infancia / xuventude.
- Detalles
O galardón será entregado o 3 de novembro coincidindo coa conmemoración do Día de Neira Vilas, unha data na que tamén se celebra o Día do lector e da lectora no Calendario Escolar da Lectura
O “Premio Xosé Neira Vilas de novela curta” ten unha dotación económica de 1.000 euros, ademais da edición da obra galardoada. Os orixinais terán un mínimo de 50 páxinas e un máximo de 150, mecanografados en letra “Times New Roma”, corpo 12 e dobre espazo.
Este certame busca estimular a creación literaria, fomentar a lectura en lingua galega e proporcionar ao público en xeral obras de calidade que lles permitan achegarse ao engaiolante mundo da novela.
- Detalles
O novelista Miguel Anxo Fernández será o primeiro convidado nesta nova xeira
A Fundación Xosé Neira Vilas retoma os Encontros Literarios en Gres coa presenza do historiador, crítico cinematográfico e novelista Miguel Anxo Fernández. O encontro terá lugar o domingo 26 de xuño ás 19.00 horas na Casa do Romano, sede da Fundación en Gres.
Miguel Anxo Fernández ten destacado como autor de novela negra, xénero ao que se adscriben as seis entregas que saíron á luz ata o de agora. Da primeira delas, Un nicho para Marilyn (Premio Manuel García Barros 2002), cúmprense precisamente agora vinte anos. Logo virían, Luar no inferno (2006), Tres disparos e dous friames (2008), Lume de cobiza (2011), Bícame, Frank (2013) e Un dente sen cadáver (2016). Todas elas están protagonizadas polo detective Frank Soutelo, un detective californiano de orixe galega, e todas están publicadas pola Editorial Galaxia. Para o próximo outono está prevista a saída do novo título da serie: A conxura dos sete.
Páxina 4 de 10