A Editorial Galaxia acaba de reeditar tres novelas de Xosé Neira Vilas: Remuíño de sombras e Camiño bretemoso, que pasan a formar parte da Biblioteca Neira Vilas e De cando o Suso foi carteiro, que se integra na colección infantil e xuvenil da editora viguesa, Árbore.
En Camiño bretemoso, obra publicada por primeira vez en 1967, o escritor de Gres aborda un tema que coñece de primeira man, a emigración. Nesta novela, un vello emigrante fai reconto do que lle sucedeu na súa vida perante un interlocutor que non intervén, pero que permite imaxinar este monólogo como un diálogo.
A emigración é tamén o tema central de Remuíño de sombras, que saíu do prelo por primeira vez en 1972. Fronte a Camiño bretemoso, que é unha historia persoal, 'Remuíño de sombras' pode considerarse como unha historia colectiva, a historia da emigración galega na Arxentina. Nesta obra o autor presenta tanto o éxito coma o fracaso na emigración, amosa o cruce dos camiños de traxectorias vitais moi diversas e en definitiva dá a coñecer un mosaico de diversidade.
A novela da colección Árbore, De cando o Suso foi carteiro, traslada á letra impresa as lembranzas da vida como carteiro de Xesús Neira Vilas, o irmán do escritor que o substituíu como carteiro en terras de Vila de Cruces, de Gres a Merza.
A reedición destas tres obras volve facelas asequibles para o público lector, tanto para o máis novo, como para o público adulto interesado no impacto da emigración da vida de tantos milleiros de familias galegas.