Benvido á Web da Fundación Xosé Neira Vilas   Click to listen highlighted text! Benvido á Web da Fundación Xosé Neira Vilas Powered By GSpeech

¡Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Se non cambia a configuración do seu navegador, vostede acepta o seu uso. Saber máis

Acepto

Plarapluie, de Ramón D. Veiga, e A flor da letra, de Manuel López Rodríguez, resultaron gañadores do Premio Arume de Poesía para a Infancia que promoven conxuntamente a Fundación Xosé Neira Vilas, a asociación GÁLIX e a empesa Deleite.

Os poemarios premiados, que serán publicados pola editorial Embora, comparten unha mesma arela provocativa, arriscada e de notable creatividade. 

foto premio arume

Plarapluie, de Ramón D. Veiga,  que xa conta cunha boa cantidade de obra infantil (Violeta quere ser vampiro, É tempo de Enroido!, A araña que lles tiña medo ás arañas, Meigas fóra! e Non pare a festa) é un libro divertido e provocador no que se busca a risa pola extravagancia e a complicidade cos pequenos lectores e lectoras.

Unha linguaxe áxil e de calidade,  na que os recursos poéticos están moi ben empregados a sonoridade envolve os versos. Pola súa banda, A flor da letra é da autoría de Manuel López Rodríguez, quen conta xa con varios premios de poesía no seu haber (o Suso Vaamonde, López Ardeiro, Eduardo Pondal ou Concello de Carral, entre outros). Esta é a súa primeira incursión na literatura infantil. A obra constitúe unha singular homenaxe á poesía establecendo un diálogo con poetas relevantes da nosa literatura. O ritmo introdúcenos nunha proposta unitaria, cunha rica linguaxe conceptual e variados recursos que nos conducen á oralidade e participación coral.         

            O xurado estivo composto por:

Xosé Antonio Perozo,  Presidente de GALIX, escritor e editor de Literatura Infantil.

Rosalía Morlán, Secretaria da Fundación Neira Vilas, escritora de Literatura Infantil.

María Jesús Fernández, tradutora e crítica de Literatura Infantil, atora das panorámicas anuais de literatura infantil galega para CLIJ (Cuadernos de Literatura Infantil y Juvenil).

Manuel Figueiras, profesor, tradutor, mantedor da páxina BLIX (Biblioteca da Literatura Infantil e Xuvenil) e promotor da feira do Libro Infantil e Chantada e do premio Rañolas.

Pilar Sampedro, docente e autora de diferentes bibliografías temáticas, coordinadora de Guías de Literatura Infantil non Discriminatoria e coordinadora de exposicións sobre esta temática.

O Premio Arume de Poesía para a Infancia retorna neste 2021 e súmase ao que xa convoca a entidade de Gres, o Premio de Novela Curta. O Arume de Poesía fora creado por Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda coa finalidade de apoiar a poesía infantil e que tivo a súa primeira edición hai xa vinte anos. Foi, no seu momento, o único certame de poesía para a infancia en Galicia, feito que lle confería un brillo especial (e dúas décadas máis tarde continuaría a selo). A poesía, dentro da literatura infantil, é un dos xéneros (xunto co teatro) que conta cun menor número de títulos publicados. Búscase, daquela, compensar este desequilibrio que, co reforzo do patrocinio, facilite unha maior presenza da poesía dentro do sistema literario galego.

Nesta nova etapa, a Fundación Xosé Neira Vilas e GÁLIX, suman esforzos para manter vivo o certame literario, xa que contan co patrocinio de Deleite, unha empresa galega recoñecida polo seu compromiso coa calidade do seu produto, mais tamén coa identidade do mesmo, coa lingua e coa cultura, coa nosa literatura, co noso cinema, co noso teatro, coa nosa música e con todas e cada unha das actividades e proxectos nos que a combinación sexa cultura / lingua galega – infancia / xuventude.  

No tocante a GÁLIX, sección galega da OEPLI (Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil) e representación do ámbito lingüístico galego no IBBY (International Board on Books for Young People), lembremos que entre as súas finalidades a “visibilización” do libro infantil e xuvenil en galego, e dentro deste obxectivo, o de promover aqueles xéneros que por diferentes razóns resultan “minorizados” no campo da edición comercial.

Click to listen highlighted text! Powered By GSpeech