Álvaro Domínguez, Premio Xosé Neira Vilas de Literatura Xuvenil, e Irene Rega, finalista
- Detalles
Ensino para místicas, de Álvaro Domínguez, é a obra gañadora do II Premio Xosé Neira Vilas de Literatura Xuvenil, que convocan a Fundación Xosé Neira Vilas e a editorial Galaxia, co apoio da Secretaría Xeral de Lingua da Xunta de Galicia. A novela, que destaca por recrear un hipnótico e escintilante mundo fantástico, sitúa a trama nunha escola de maxia na illa de Tambo dende unha lectura en clave feminista.
Álvaro Domínguez, nacido en Pontevedra en 1986 e residente en Madrid, onde se dedica á docencia, cursou o Máster de Edición da Universidade Autónoma de Madrid, traballou no mundo editorial como lector de manuscritos, corrector e tradutor. Como creador publicou relatos en varios portais dixitais. Na etapa anterior do Premio Neira Vilas, obtivo o galardón en 2022 coa novela Cristais rotos, editada por Embora.

Conferencia: a obra poética de Neira Vilas
- Detalles
Miguel Anxo Fernán-Vello falará da significación e importancia da obra poética de Neira Vilas o 23 de marzo ás 19:30 horas no Ateneo de Santiago de Compostela, no marco do convenio suscrito entre esta entidade e a Fundación Xosé Neira Vilas. Fernán-Vello foi editor, a través de Espiral Maior, de dous libros de poemas do autor cruceño: Poesía recadada (1998) e Dende Gres (2004).

Antes de Memorias dun neno labrego (1961), foi o libro de poemas Dende lonxe, publicado en 1961 en Buenos Aires no selo Follas Novas, que crearan Neira Vilas e Anisia Miranda, con cuberta de Luis Seoane e prólogo de Rafael Dieste. Ao longo da súa traxectoria, a poesía sempre tivo un oco, en novos poemarios pero tamén na obra en prosa. En 1969, aparece Inquedo latexar, na colección Val de Lemos, de Edicións Xistral. Un ano antes, "Bágoas e outros poemas" publícase na revista Papeles de Son Armandáns.
Premio Anisia Miranda de Teatro para a Infancia 2026
- Detalles
A Fundación Xosé Neira Vilas convoca a quinta edición do Premio Anisia Miranda de Teatro para a Infancia co apoio da Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia. Con esta iniciativa búscase atender a unha certa carencia que se viña observando no sistema literario galego no tocante a certames que impulsaran a creación de textos dramáticos para os nenos e nenas.
Os orixinais, escritos en lingua galega, terán un máximo de 30.000 caracteres e deben enviarse ao enderezo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo., seguindo as indicacións contidas nas bases para asegurar o anonimato das propostas. O prazo para o envío remata o 20 de abril e o acto de entrega terá lugar o 24 de maio. O galardón está dotado con 1.000 euros e a súa publicación estará a cargo da Edicións Embora, ao igual que outro dos certames que promove a fundación: o Arume de poesía, neste caso en colaboración con GÁLIX e a empresa Deleite.



